AGORA XA FOI
 

As novas pomberías

  Autor: Vicente Araguas
 

01.02.2009

 

As novas pomberías. Dun pombal xubiloso (pero tamén tráxico), boureeiro (aínda que reflexivo), quevediano (sen desbotar, por estetizantes, bafaradas gongorinas), volve con nós Manuel Pombo Arias, un médico que escribe, el non será cousa de facer agora o reconto dos galenos escribidores, ou un escritor que cura os corpos. E volve onde nós Manuel Pombo, do seu pombal arrebatado, ditarnos máximas, epigramas, aforismos, frechas no azul, ou dardos no océano (ou "cotufas en el golfo"). Dígase xa que Nuevas pomberías (Huerga y Fierro, Madrid 2008) é un libro de contido certeiro e aceirado (mais coa luva de seda do estilo impecable) e que incorpora un continente fermosísimo. Pleonasmo que te criou: un volume destas características non pode aparecer envolvido doutra maneira, senón cunha maquetaxe, portada e encadernación espléndidas. Confirmando non só o ben que editan Charo Fierro e Antonio Huerga, senón o coidado radical que Pombo Arias pon nas súas cousas. De home namorado da poesía (aquí xorden probas a esgalla), e tamén de Dona Literatura. Con quen Pombo fai o amor coa mesma teimosía con que desarbora as naos que deixaron de interesarlle. E como que Pombo Arias vai ter (meréceos) lectores de todas as pelames, tamén da nacionalista e da comunista, a polémica vén servida. Poisque libros así, de escritores liberais e aínda librepensadores, como Manuel Pombo, teñen que servir (ademais) de revulsivos. Eis un dos seus méritos. Manuel Pombo Arias, aquel presentador desasosegado (como vara verde), pero nunca medoñento –os medos daquela ficaban na casa– do recital alicerce de Voces Ceibes, do 26 de abril do 68. Corenta anos despois Pombo volveu presentarnos. E presentarse a si mesmo cun libro fermosísimo. Non o perdan. De Neda.

 

 
 
 
Libros
Notas de prensa y colaboraciones
Enlaces
Contacto
Tu compra
Mis recomendaciones entrefraseadas
Literatura de Viajes
Bookmark and Share